FP Innova 2024: O futuro invéntase na formación profesional e pode verse en Santiago

GALICIA

Estudantes de FP básica do CIFP Montecelo exhibiron o ano pasado un vehículo anfibio que poden usar persoas en cadeira de rodas
Estudantes de FP básica do CIFP Montecelo exhibiron o ano pasado un vehículo anfibio que poden usar persoas en cadeira de rodas Sandra Alonso

O VI Congreso da Innovación na FP enche esta semana a Cidade da Cultura de proxectos punteiros, demostracións e obradoiros coas últimas tecnoloxías

01 may 2024 . Actualizado a las 18:16 h.

Hai tempo que quedou desbotada a idea de que a FP é unha alternativa para quen non dá o nivel da universidade ou que o seu obxectivo é formar traballadores manuais para postos máis ou menos básicos. A formación profesional é moito máis. Non só fornece ás empresas de técnicos e especialistas altamente cualificados. Hoxe ten un papel vital á hora de impulsar a investigación e innovación.

Se dubidas disto que che dicimos, non tes máis que pasar pola feira FP Innova 2024, que dende este mércores e ata o venres amosa todo o potencial de invención dos ciclos galegos. Queres ver un novo simulador que replica o traballo cun coche de fórmula 3? Alí estará. Descubrir que se pode empregar a IoT (siglas en inglés de internet das cousas) para controlar en remoto o rego dun cultivo? Poderás facelo. Produtos veganos saudables para máquinas expendedoras, taboleiros para mobles feitos con plásticos reciclados, motos de gasolina convertidas a eléctricas... Ata 35 proxectos de innovación desenvolvidos dende os institutos e os centros integrais de FP poderán verse no museo da Cidade da Cultura, onde tamén estarán 16 proxectos emprendedores e innovadores realizados no marco do plan Eduemprende. Todos apoiando a incorporación das tecnoloxías máis punteiras aos sectores produtivos e ás empresas de Galicia. O futuro feito realidade da man de profesores, pero sobre todo de alumnos coma ti: rapazada de ciclos medios e superiores, pero tamén da FP básica, amosando que unha secundaria que se atasca non ten por que ser o final do camiño formativo dun estudante.

Ademais dos equipos participantes, polo Gaiás pasarán case 9.000 alumnos de máis de 200 centros educativos anotados para facer visitas organizadas a esta gran feira. O ano pasado foron arredor de sete mil mozos, así que podes imaxinar que o interese é moito. Porque, ademais, é unha cita moi divertida. Non só che van amosar e explicar proxectos. Haberá tamén obradoiros para experimentar en primeira persoa coas novas tecnoloxías: impresión 3D, creación de videoxogos ou de contidos con intelixencia artificial, drons... Por se aínda che parece pouco, haberá un área específica para a realidade virtual, onde se poderán probar distintos simuladores inmersivos, e demostracións en directo como a dun levitador magnético.

Se o teu centro non ten concertada unha visita, pero non queres perder a cita, a feira estará aberta estes 24, 25 e 26 de abril, de 10.00 a 14.00, e de 16.00 a 19.00. Por certo, os que che van explicar os proxectos e obradoiros son, case sempre, alumnos. Quen sabe se en vindeiras edicións —esta é a sexta— poderías ser ti?

CIFP AS MERCEDES - LUGO

«Esencial para chegar a novos alumnos»

Desde o CIFP As Mercedes, de Lugo, participarán en case todas as áreas deste sexto FP Innova Galicia: proxectos de innovación, iniciativas emprendedoras, talleres... Un dos que teñen garantido que chamarán a túa atención é o simulador dun coche de competición. O centro ten un ciclo de Automoción bastante especial, centrado no mundo da competición. E contan cun vehículo de fórmula 3 que eles mesmos preparan e poñen a punto. Pero, non contentos con iso, decidiron desenvolver un simulador personalizado que permita traballar no mundo virtual como se fose o coche físico. Con el poden probar distintas configuracións en pista, adaptadas a diferentes circuítos, comprobar cómo se comportaría o vehículo e mellorar o seu rendemento e eficacia nunha carreira real. Coche e simulador poderán verse estes vindeiros días na Cidade da Cultura.

As Mercedes leva o seu simulador dun fórmula 3 e o vehículo orixinal
As Mercedes leva o seu simulador dun fórmula 3 e o vehículo orixinal PACO RODRÍGUEZ

Este centro lucense tamén dará a posibilidade aos visitantes de voar un dron nunha contorna segura e xogar con el a unha especie de fútbol aéreo. «Nas Mercedes temos un curso de especialización en aeronaves pilotadas de xeito remoto, unha tecnoloxía moi importante que queremos achegar á xente. Así que con drons configurados por nós e unha pequena gaiola preparamos unha actividade divulgativa. Poderán pilotalos e xogar unha sorte de partido. Queremos que a xente poida coller un dron, posiblemente por primeira vez na súa vida, e se divirta. Neste caso é un proxecto de innovación educativa, porque, como a gaiola é pequena, a iniciativa pode logo levarse a colexios e outros espazos», explica Adrián Fernández, un dos profesores que coordinan a participación neste congreso de innovación na FP, que destaca a axuda que prestou ao proxecto o alumnado da familia de Comercio e Márketing.

Para Fernández, participar en eventos como o FP Innova é case unha obriga: «Os profesores temos que facer labor divulgativo. É moi importante que os rapaces coñezan as saídas que teñen estes estudos profesionais, e estas feiras son esenciais para chegar aos futuros alumnos», explica. Pero ademais resalta o importante que é para os alumnas que levan á feira os seus proxectos: «É un recoñecemento ao seu traballo, estar alí amosándoo. Ademais, iso dálles competencias comunicativas: aprenden a venderse e a vender o seu produto».

Paula Rubio, unha alumna de segundo curso do ciclo superior de aeromecánica, será unha das que o comproben en primeira persoa. Estará en Santiago presentando o proxecto GaliEND, elaborado dentro do programa Lanzadeiras, para realizar ensaios non destrutivos con tecnoloxías avanzadas. Paula explícao de xeito máis sinxelo: «Nas pezas, por exemplo, dun avión pode haber pequenos fallos non visibles a simple vista. Pero empregando distintos métodos, como pinturas, sprays ou ata luz ultravioleta, podes detectalos. Nós imos explicar como se fai e facer demostracións», conta. E engade: «Non hai moitas empresas que se dediquen a isto, en realidade». Por iso cre que participar lle vai ser moi valioso: «Colles experiencia, e á hora de abrirte camiño no mercado laboral é un plus no currículo. Teño ferramentas que outros non teñen para saber como actuar se unha peza falla. E estar estes días na feira vaime valer para que non se me oxide a habilidade de estar diante do público, habilidade que collín no instituto cando facía debate».

cifp carlos oroza - Pontevedra

Menú degustación con alimentos liofilizados

O equipo do Carlos Oroza —un centro pontevedrés centrado nas familias profesionais de Hostalería e Turismo e de Industrias Alimentarias— montará no Gaiás un pequeno restaurante. Pero non agardes un filete con patacas. O seu menú degustación será do máis innovador, porque estará baseado en alimentos liofilizados. A investigación que presentan na feira está centrada nesta técnica de conservación: «Consiste en ultraconxelar os alimentos e logo a liofilizadora, coa presión, fai un proceso de sublimación, que pasa a materia de sólido a gaseoso sen pasar polo estado líquido. Así os produtos sécanse completamente, sen perder as súas propiedades nutritivas nin organolépticas». Así de ben o explica Beatriz Parada, estudante do ciclo superior de Dirección de Cociña, unha das que estarán no FP Innova deste ano presentando o proxecto.

O traballo consistiu non só en coñecer e optimizar esta técnica de conservación, senón tamén en crear preparados saudables a partir de produtos que veñen da agricultura ecolóxica galega. «Traballamos con moitas cousas: froitas, chocolate, cremas... Ata liofilizamos merengue! Algúns para consumir directamente, como snacks, por exemplo, e outros para hidratar con auga. Está enfocado a conseguir produtos que permitan ter rapidamente unha comida sa e con todos os nutrientes», explica Beatriz. Corrobórao un dos profesores coordinadores, Damián Rey: «Temos, por exemplo, caldo liofilizado, de repolo e de grelos, para que non haxa discusións. Transformámolo nun po, e con só botarlle auga quente tes o caldo listo». Pero, ollo, isto non é unha sopa instantánea do supermercado. Aquí todo é natural, cos alimentos orixinais, sen sucedáneos, elementos artificiais nin conservantes.

Alumnos do CIFP Carlos Oroza servirán un menú degustación feito con alimentos que liofilizaran previamente
Alumnos do CIFP Carlos Oroza servirán un menú degustación feito con alimentos que liofilizaran previamente CAPOTILLO

A cousa non acaba aí, porque a proposta do Orozalab tamén aposta por engadir a inclusión dos alimentos liofilizados na alta cociña. E para iso contaron coa colaboración do chef Javier Olleros, do recoñecido restaurante grovense Culler de Pau.

Todo isto e máis explicarán e amosarán na feira Paula e os seus compañeiros. Para ela será a segunda vez: «Estiven o ano pasado co noso proxecto dunha impresora 3D de chocolate. A experiencia foi impresionante. Tiña nervios e a tensión de facelo ben, pero estiven moi arroupada polos profesores, fíxome sentirme máis integrada no centro, gustoume tratar coa xente... Ademais, teño moita curiosidade por estes proxectos que che permiten aprender máis».

Damián Rey resalta que destas iniciativas benefíciase todo o centro: «Agora temos aquí unha máquina que rara vez se ve nos centros de FP, que é propia de laboratorios e grandes empresas, e podemos explicar o proceso aos nosos alumnos en vivo, fóra dos libros. Que o vexan e ata o caten. Ademais, estas iniciativas achegan moito ao alumnado ao mundo da empresa no que van traballar».

cifp FERROLTERRA - Ferrol

Luz ultravioleta para desinfectar os grelos

Un dos proxectos cos que acode o CIFP Ferrolterra está directamente inspirado nas necesidades reais dunha pequena cooperativa galega. «As rapazas de Milhulloa son pioneiras nun produto que é o grelo deshidratado. E falando con elas dixérannos que teñen unha problemática no tempo da recollida á hora de lavalos: suponlles moito tempo e moito gasto de auga e de enerxía. Así que pensamos como poderiamos minimizalo», conta o profesor Miguel Calvo.

Empezaron así a deseñar unha máquina de lavado automático que xa é unha realidade. Amosarana na feira e probarase no traballo real na vindeira tempada de grelos, para facer os axustes necesarios. Reutiliza a maior parte da auga (agás no aclarado, onde utiliza moi pouca porque sae case pulverizada), utiliza aire comprimido para o secado da verdura e completa o proceso cunha desinfección con raios ultravioleta. «Comercialmente non había nada así que por prezo e tamaño fose accesible para as pequenas empresas», explican. Cando estea rematada, a idea é poñer ese deseño e ese coñecemento a disposición de calquera produtor que queira replicala.

Esta máquina, que permite o lavado automático e a desinfección dos grelos na recollida, foi ideada no CIFP Ferrolterra
Esta máquina, que permite o lavado automático e a desinfección dos grelos na recollida, foi ideada no CIFP Ferrolterra

No proxecto colaboraron alumnos do mestrado de Fabricación Aditiva e do ciclo dual de Mecatrónica Industrial. Neste último está matriculada Laura Alcántara, unha das estudantes que participaron, que estará na feira presentando o prototipo: «Fixen algunhas das pezas e coloqueinas. O meu titor explicoume a iniciativa e gustoume a idea de participar. Intrigábame como se ía facer. E velo rematado sorprende e dáche moito orgullo», di. Confesa que aprendeu moito e que o mellor é ver que o que fixo ten unha aplicación real: «Vaise empregar, é emocionante». «A implicación é maior porque ven como se vai construíndo e entón queren participar ata o final. E séntense máis realizados porque están a traballar en algo real e innovador, non facendo pezas no taller por sacar unha nota, senón en algo que saben que se vai usar no mercado laboral», corrobora Miguel Calvo.

DAVID RODRÍGUEZ - Alumno que repite na feira

«Gustoume moito explicar como funciona»

Os que xa participaron no FP Innova falan dunha experiencia moi boa. «O primeiro día os rapaces que explican os proxectos están inseguros. O terceiro xa se lanzan eles mesmos a coller á xente para falarlle do tema», exemplifica Miguel Carballa, director do CIFP Montecelo (Pontevedra). Tanto que hai quen repite. «O ano pasado levei catro alumnos. E foi tan divertido que un rapaz que viña cos compañeiros de visita pediunos quedar e incorporouse ao equipo», explica José Pino, profesor no IES A Pinguela (Monforte). Ese rapaz era David Rodríguez, un alumno do ciclo de Sistemas Microinformáticos e Redes que este ano volve á feira, pero xa cun proxecto no que participou: «O ano pasado vin que había moita xente e quedei a botar unha man. Foi moi entretido, a xente é moi curiosa. E a min encántame falar. O que máis me gustou foi ensinar como funcionaban as cousas. Este ano, cun proxecto propio, de reciclaxe de plásticos para facer filamento para impresoras 3D, fai aínda máis ilusión», di.

O equipo del IES A Pinguela que na edición do 2023 defendeu proxectos como cortadores de galletas personalizados que xa comercializan
O equipo del IES A Pinguela que na edición do 2023 defendeu proxectos como cortadores de galletas personalizados que xa comercializan

Será para el unha segunda oportunidade de traballar habilidades comunicativas: falar en público, controlar os nervios ou improvisar: «Creo que me serve moito, a nivel persoal e laboral, para aprender a tratar coa xente. Cada persoa é un mundo e aquí tes que ver cómo explicar as cousas dependendo da idade da persoa, os seus coñecementos, as preguntas que faga...».

José Pino di que a feira «é unha virguería», esgotadora pero moi divertida para os rapaces, «un premio ao seu traballo, uns proxectos que ademais os achegan á cultura de emprender».